segunda-feira, 12 de dezembro de 2011

Carta Románica aos reis magos de San Fiz de Solovio

Ao ver a estrela sentiron grandísimo gozo e, chegando á casa, viron o neno con María, súa nai, e de xeonllos adorárono, e abrindo os seus tesouros, ofrecéronlle en agasallo ouro, incenso e mirra.
Mateo, Cap 2, 



Queridos Reis Magos de San Fiz de Solovio:

Escribímosvos esta carta nun ano de moitas incertezas e inquedanzas, sabedores do moito que se falará nesa rúa compostelana de cómo andan os mercados e supoñéndovos moi ben informados ao respecto.

É por iso que non imos pedir nada que custe diñeiro. Para qué? Se mesmo as subvencións para asociacións coma a nosa aparecen e desaparecen no DOGA como estrelas fuxidías no ceo.

Así que queremos que nos traiades:

Ánimo para seguir descubrindo o románico galego polos innúmeros camiños faltos de sinalización.

Badaladas nas campás das nosas igrexas que anuncien que seguen vivas.

Compañeiras e compañeiros novos que nos axuden a facer cada día máis cousas.

Dicionario do románico galego. ¿Será moito pedir? Igual con esta nos pasamos (estamos dispostos a ir á Biblioteca as veces que faga falta).

Enderezos electrónicos e do facebook para estar sempre en contacto coa xente que gosta do noso románico.

Fe nas nosas forzas para rematar os traballos que temos comezados.

Guía didáctica do Románico de Monterroso. Confesámolo: O ano pasado pediulla o alcalde aos Reis Magos de San Salvador de Valboa e nós, con toda a vontade, puxémonos a facela pero aínda non a demos rematada e polo noso moito tardar vai pensar o señor alcalde que os vosos colegas de Valboa lles deixaron carbón aos nenos e nenas de Monterroso.

Harmonía nas contornas das nosas igrexas (que se ve cada cousa…)

Iconografía que non nos falte.

Jazz-band que poña música nas igrexas onde xa non hai órgano.

Karma positivo para non impacientarnos mentres agardamos por un Plan de Conservación e posta en valor do Románico galego (xa saben os parlamentarios e parlamentarias galegas que o queremos que a eles tamén lles escribimos cartas!).

Labazadas de agarimo cando nos equivoquemos.

Mans para traballar.

Novas boas que poidamos celebrar.

Ña nai! Qué difícil é esta…

Opinións acertadas.

Paciencia para seguir investigando a qué hora é a misa nas igrexas románicas e poder velas abertas.

Querer. Porque querer é poder.

Ruínas non... Diso xa temos en Pardollán e nalgún sitio máis que iremos descubrindo este ano.

Sabencia para facer o mellor en cada momento.

Técnicos e técnicas que nos aconsellen ben.

Unha unísona e unívoca unidade útil para traballar xuntos.

Vagar para ir coñecendo os moitos camiños e os poucos libros que levan ás igrexas románicas que tanto nos gustan.  

Xornais e xornalistas sensibilizados coa salvagarda do noso Románico.

Zume da terra que viu nacer o románico galego.

Será moito pedir?

Cos nosos mellores desexos para este nadal de 2011 e con todas as esperanzas postas no 2012, sempre vosas e vosos

O Sorriso de Daniel                                  
Asociación do Patrimonio Románico                 
         

www.osorrisodedaniel.org 
osorrisodedaniel@gmail.com

terça-feira, 13 de setembro de 2011

Coñecer para querer, querer para coidar.

O domingo 11 de setembro a Asociación O Sorriso de Daniel reuniuse en Padrón, na Casa de Rosalía, para celebrar a súa primeira Asemblea Xeral Anual.
Trala xuntanza e o xantar un grupo de socios achegáronse a visitar a igrexa de Santa María de Herbón. Unha obra que na opinión dos estudosos puido sair da man de canteiros que traballaron antes no mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro e que está moi influenciada pola obra do Mestre Mateo.
A chegada á igrexa de Santa María de Herbón non é doada.
Tal foi así que algunha persoa desta zona que quedara en acompañar ao grupo de O Sorriso de Daniel chegou tarde á cita por se ter perdido no percurso.
Na vila de Padrón nada anuncia que nas proximidades exista unha igrexa desta importancia e no percorrido que une a vila coa igrexa de Herbón non hai nin un só cartel que favoreza que as visitas se acheguen. Por suposto tampouco hai no exterior da igrexa ningún panel informativo que amose as características do edificio.
Por iso os membros de O Sorriso de Daniel acordamos enviar unha carta ao alcalde de Padrón solicitando a correcta sinalización dun monumento que está nas inmediacións do camiño Portugués.

E se isto o acordamos o domingo 11 o luns 12 enviouse esta carta por burofax ao concello de Padrón.



D. Antonio Fernández Angueira
Alcalde do Concello de Padrón
Rúa Longa 27
15.900 Padrón A Coruña


Santa María de Herbón, 11 de setembro de 2011
 
Da nosa estimanza:

A Asociación O Sorriso de Daniel naceu hai algo máis de un ano co ánimo de contribuir a divulgar os valores do Patrimonio Románico Galego.

No día de hoxe esta asociación celebrou a súa asemblea anual na Casa de Rosalía. Moveunos para escoller Padrón o seu románico e o poema de Rosalía que leva por título N´a Catedral, no que os seus versos iluminan aínda máis a fermosa obra do mestre Mateo.

A xuntanza tivo lugar no auditorio da Casa de Rosalía e pola tarde achegámonos ata esta fermosa igrexa de Santa María de Herbón.

Unha das cousas que chamou máis a nosa atención foi a falta de sinalización dun monumento desta importancia.

É por isto que nos diriximos a vostede para solicitarlle que o Concello de Padrón sinalice axeitadamente as rotas para acceder a ela dende a vila así como que instale un panel informativo ao carón da igrexa cos datos máis sobranceiros do singular edificio e tamén no punto máis achegado do Camiño portugués.

Os veciños dun concello polo que transcorre unha vía destas características cremos que merecen que se faga este esforzo para pór en valor un patrimonio como é esta igrexa de Santa María de Herbón.

Agardando que esta nosa solicitude contribúa a mellorar a xestión do patrimonio turístico do concello de Padrón, saúdao atentamente




Polo demais a asemblea de socios elixiu unha nova directiva que da o relevo a aquela que se encargara de poñer en marcha a asociación.

A nova directiva fórmana:
Presidente: Xan Rodríguez
Vicepresidente: Augusto Guedes
Secretario: Antonio Dieter Moure
Tesoureira: Carme Varela
Vocais:
Carolina Casal
Julia Martínez
Susana Fernández
Sonia Fernández
Chelo Castro.


Entre as decisións máis destacadas que se tomaron na xuntanza da Asemblea Xeral de Socios cóntase a de reforzar o ámbito de traballo da sección De-Ambulatorio Románico. Unha sección que fora creada para dar a coñecer o estado dalgúns dos edificios románicos que máis perigan polo seu abandono.
Esta sección realizou durante o mes de xullo do presente ano traballos de limpeza da igrexa e o adro de Santo Estevo de Pardollán (en Rubiá de Valdeorras) onde a maleza conseguira ocultar case por completo os muros da vella igrexa románica.
Asemade decidiuse continuar co labor de divulgar o patrimonio románico a través das Xeiras Románicas, actividade aberta á cidadanía e poñer en marcha unha páxina web para o románico galego, entre outras actividades alí aprobadas.

terça-feira, 23 de agosto de 2011

Extrememos os coidados para que a Ribeira Sacra sexa Patrimonio da Humanidade!













Hoxe entregamos no Rexistro da Xunta de Galicia unha carta dirixida a D. Roberto Varela, Conselleiro de Cultura e Turismo.
Reproducimos o texto completo da mesma:





Á atención de D. Roberto Varela
Conselleiro de Cultura e Turismo
Xunta de Galicia


Galicia, 19 de agosto de 2011
Da nosa estimanza:

Coñecedores de que neste momento se atopan en exposición pública novos proxectos para desenvolver aproveitamentos hidroeléctricos no Miño-Sil queremos achegar a vostede a preocupación dos socios de O Sorriso de Daniel polo efecto que a posible aprobación destes proxectos poida ter sobre a máis que necesaria declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade.

A Ribeira Sacra é un enclave que merece a máxima protección por parte da Xunta de Galicia pero que ademais non debe renunciar ao recoñecemento mundial que a declaración da Unesco pode virlle a supoñer.

A incidencia directa que isto supoñería no número de visitas á zona non se lle escapará ao seu departamento. Tampouco os beneficios que traería aos productos agrícolas que alí se colleitan –nomeadamente ao cultivo vinícola- que se vería directamente beneficiado por este nomeamento. Sendo así que á marca de Viticultura Heroica que acaba de serlle recoñecida viría a sumárselle o feito de vencellar a produción cun territorio declarado Patrimonio da Humanidade.

Dado que hai xa algún tempo o ICOMOS advertira da posibilidade de que esta candidatura non chegaría a bo fin se non se detiñan as obras hidroeléctricas que estaban a ser planeadas cremos necesario un posicionamento da Dirección Xeral de Patrimonio desa Consellería máis activo neste intre crucial no que os plans se atopan en exposición pública para formular alegacións.

Non desbotando a posibilidade de facer unha consulta novamente ao ICOMOS para poder valorar o seu actual posicionamente por esta instancia vimos a SOLICITAR:

  • QUE a Consellería de Cultura e Turismo dispoña que os técnicos de Patrimonio estuden en profundidade os proxectos e presenten cantas alegacións sexan precisas para garantir que ningunha obra que alí se execute poida privar no futuro á Ribeira Sacra de ser declarada Patrimonio da Humanidade. 
  • Que non se antepoñan os intereses das empresas hidroeléctricas, que xa deberían sentirse recompensadas suficientemente cos resultados dos 107 aproveitamentos hidroeléctricos que o cauce do Miño-Sil soporta, aos intereses xerais dos actuais moradores da Ribeira Sacra e mais aos que están por vir, xerando un lucro cesante que non deben nin poden soportar.

  • Que en tempo e forma se presenten estas alegacións co obxectivo último de protexer o inmenso patrimonio románico que a Ribeira Sacra contén

E finalmente

  • Que a Consellería de Cultura e Turismo veña a dar o seu apoio á Candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade e que ese apoio se tanxibilice nun Plan de protección específico para o patrimonio que alí hai.

Atentamente


Augusto Guedes de Castro
Presidente de O Sorriso de Daniel




O De-Ambulatorio Románico d´O Sorriso de Daniel
quere ser unha voz que alerta,
unha man que axuda,
un corazón que alenta.


sexta-feira, 19 de agosto de 2011

Foise Serafín Moralejo. Quedan con nós as súas ensinanzas.

"... o sorriso do mozo Daniel, 
co que a arte europea aprendeu outra vez a sorrir, 
tras séculos de telo esquecido".
Serafín Moralejo Álvarez
 
Abondaría con poñer aquí esta cita para saber cánto lle debe esta Asociación ao profesor Serafín Moralejo.
Do que lle debe Galicia enteira non é doado botar a conta.

Sirvan estas palabras de Ana Blanco como lembranza garimosa nestes primeiros intres despois de saber do seu pasamento.

“As miñas lembranzas son as dunha alumna que na década dos setenta estaba a estudar na Universidade de Compostela Historia da Arte, nunha época difícil e chea de problemas.
De súpeto ven un home novo, serio, recen chegado dos Estados Unidos, que nos ía dar escultura española en 4º de carreira, e por riba ás nove da mañá. Chegou co seu maletín, puntual e o primeiro que nos dixo é que só sabía de románico e que polo tanto dedicaríamos  todo o ano a esta materia e unha cousiña máis: que unha vez que entrara el na súa aula, que era a Aula Magna da vella universidade  compostelán, non entraría ninguén máis.
Recordo esta aula ateigada de alumnos tódolos días, os seus gráficos que aínda os conservo, os exames que nos levaban a pensar e buscar camiños de influencia dos distintos talleres itinerantes dos mestres canteiros que traballaron ao longo do Camiño de Santiago.
Coñecelo coma alumna foi un honor, seguir as súas ensinanzas un inmenso pracer, e dicirlle onde queira que se atope que o seu labor non quedou en ermo, que el nos ensinou a amar, respetar e dar valor a esta arte románica tan representativa  do noso pobo e que estamos na obriga de conservala.
Desde O Sorriso de Daniel estamos a traballar para que non se esquezan as obras deses vellos canteiros.
Descanse en paz”.

Ana Blanco
Socia fundadora de O Sorriso de Daniel 
Alumna do Profesor Serafín Moralejo


Que a terra lle sexa leve ao seu corpo e que o ronsel do seu coñecemento non se borre máis!




http://www.elcorreogallego.es/santiago/ecg/muere-serafin-moralejo-primer-catedratico-espanol-harvard/idEdicion-2011-08-18/idNoticia-694096/


sábado, 6 de agosto de 2011

Estades convidados (vós) porque en Pardollán Traballamos (nós), escribímoslles (a eles) e facemos Festa (todos)





O Santo Estevo subirá en procesión á vella igrexa
 o 21 de agosto ás 12.30h.
Estades convidad@s porque o 21 tod@s somos desta parroquia!


Pode parecer outra festa patronal máis pero é moito máis ca iso: é unha mostra do compromiso duns veciños por salvar o seu Patrimonio. Ti podes amosarlle o teu apoio pola recuperanción da igrexa románica acudindo á festa.


A túa presencia axuda!


Despois de pasar o 23, 24 e 25 de xullo limpando o interior da Igrexa de Santo Estevo de Pardollán podemos dicir que estamos satisfeitos.


Vai para 50 anos que o Santo Estevo -nin ningunha outra das imaxes da parroquia- non cruza os dinteis  das portas da vella igrexa románica. Baixáronse os santos para a hermida de Santo Tomás, fíxose unha igrexa nova e a igrexa románica entregouse á ruina. 


Agora os veciños están dispostos a pelexar por unha das poucas igrexas románicas de Valdeorras e para demostralo subirán co Santo Estevo en Procesión pola empinada costa que separa a aldea da igrexa vella. 
A eles se debe esta iniciativa. E tamén ao Sr Cura, D. Xosé, que cos seus 90 anos está collendo folgos para subir tamén el. E por suposto ao "incitador Xan" que dixo que despois de tanto esforzo limpando, este ano a festa non sería compreta se non se facía algo na igrexa en ruínas.


Dicimos que traballamos (nós) e é verdade


Quen somos nós? Nós somos os socios de O Sorriso de Daniel, os socios da Asociación de veciños Santo Estevo, membros do colectivo Niquelarte e os amigos que quixeron sumarse á limpeza de Pardollán.


Así estaba o lado sur da igrexa cando chegamos 


Entre a maleza albíscase Susana Fernández que foi a instigadora de que fosemos a Pardollán.


e así o deixamos:





Así estaba a nave da igrexa cando chegamos

e así a deixamos:

Cando apareceron as lousas a emoción non se contivo.


Así estaba o lado norte cando chegamos 


Onde era imposible furar para pasar unha persoa chegamos a descubrir as cruces dos que están alí enterrados porque así o deixamos







E onde parecía que había un maceteiro 



descubrimos unha pía bautismal:


Dicimos Escribímoslles (a eles) e é verdade

Á corporación local de Rubiá mandámoslle esta carta:




Á atención da Corporación Municipal de Rubiá
Grupo Partido Popular e Grupo do Partido Socialista de Galicia

Santo Estevo de Pardollán, 25 de xullo de 2011


Da nosa estimanza:

O sábado 23 e domingo 24 deste mes de xullo as dúas asociacións abaixo asinantes procederon á limpeza do interior da igrexa vella de Santo Estevo de Pardollán así como tamén do seu adro.
O estado de abandono no que se atopa o edificio e as dificultades que hai para acceder a el fan que un dos elementos patrimoniais máis destacados do concello de Rubiá se atope en risco de desaparecer. É vontade de O Sorriso de Daniel, promotores desta actividade, e da asociación Santo Estevo de Pardollán, que asumiu como propia a proposta, non deixar que isto suceda.

Por esta razón SOLICITAMOS que o Concello de Rubiá colabore nestas tarefas que iniciamos de maneira urxente asumindo os seguintes traballos:

  1. Rotulación indicadora do monumento en 4 puntos: saída da N120 cara Pardollán, desvío á esquerda cara Vilar de Silva e Pardollán, acceso polo camiño do cura e acceso dende Pardollán ao carón do lavadeiro.
  2. Rotulación explicativa na igrexa. Os datos que figuren poden ser aportados pola Asociación O Sorriso de Daniel que ten como fin o estudio e divulgación do patrimonio románico galego.
  3. Limpeza e melloras en puntos críticos do camiño do Cura e do carreiro de subida dende a aldea, mantendo as dúas como vías de tránsito peonil e sen facer ensanchamentos innecesarios así como mantemento das zonas agora limpas.
  4. Inclusión en toda a publicidade turística xerada polo concello (impresa e para web) deste recurso turístico e patrimonial.

O importante impacto que esta actividade tivo nos medios de comunicación –entrevistas radiofónicas en Onda Cero e Radio Galega, reportaxe feita pola TV La Sexta, artigos en La Región, La Voz de Galicia, El País, Xornal de Galicia- debe agora ter unha correcta resposta dende o concello de Rubiá que agardamos se una a esta iniciativa cidadá que ten como único obxectivo que o edificio máis senlleiro de todo o concello volva a ter as atencións debidas.
Mentres tanto quedamos á súa disposición para unha reunión se o consideran preciso

Atentamente

E Dicimos Facemos Festa (todos) e é verdade

O domingo 21 de agosto ás 12.00h o Santo Estevo será levado polos veciños e veciñas ata a igrexa en ruínas. Lembrarán o día no que hai case medio século sacaron os santos da igrexa e os trasladaron á capela de Pardollán deixando atrás case 1.000 anos de historia. 
Hoxe están dispostos a recuperar as vellas ruinas e a non permitir que desapareza o edificio que testemuña que alí se ergueu un dos templos máis antigos da Diócese de Astorga.

A música poñerana integrantes do grupo de gaitas Xarabal de Vigo que se suman a esta festa!

Comparte o orgullo de defender o románico galego 
e participa na subida de Santo Estevo á vella igrexa!
O 21 de agosto tod@s somos de Pardollán!

Nós o 22 empezaremos novamente a traballar 
para que a recuperación continúe.




De-Ambulatorio Románico
quere ser
unha voz que alerta,
unha man que axuda,
un corazón que alenta.

terça-feira, 12 de julho de 2011

Santo Estevo de Pardollán: Borrar a ruína. Erguer o futuro.

DE-AMBULATORIO ROMÁNICO

Santo Estevo de Pardollán é unha parroquia do concello de Rubiá (Ourense). Fórmana dúas aldeas: Pardollán e Vilar de Silva e xuntas non chegan a 40 habitantes. 
Tivo unha igrexa que pola distancia aos dous nucleos de poboación quedou abandoada.
Santo Estevo de Pardellán pertence á diócese de Astorga e atópase nos límites do Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra. Non lonxe dela pasaban os peregrinos que usaban o Camiño de Inverno e hoxe é xunto con Xagoaza dos escasos exemplos románicos que se conservan na zona de Valdeorras.
 A igrexa corre serio risco de desaparecer, comida pola maleza que a rodea e pola auga que escorre polos muros, sen que haxa xa restos do teito de lousa que nun tempo tivo.

 Que propón O Sorriso de Daniel?
En primeiro lugar facer unha limpeza da contorna da igrexa. O calendario de traballo que manexaremos é o seguinte:
¬ Sábado 23 de xullo.
11h. chegada a Pardollán. Subida á igrexa para comezo de limpeza.
14.30h. Xantar por conta dos participantes na limpeza na igrexa ou na área de xogos da aldea de pardollán.
16.30. Reinicio de traballos ata as 20.30h.
¬Domingo 24 de Xullo.
Continuaremos cos traballos de limpeza nos seguintes horarios:
10-14.30h e 16.30h-20.30h
¬Luns 25 de Xullo.
Visita guiada para os veciños da parroquia ás 11h e amigos que se queiran unir.
¬Domingo 31 de Xullo.
Visitas guiadas en Horarios de 11 a 13.30 e de 17 a 20h.



 
 Cómo podes participar ou axudar?

 ¬Apuntándote na brigada de limpeza os días 23 e 24 (ou un dos días) mediante un mail a osorrisodedaniel@gmail.com.
¬Víndonos facer unha visita mentres traballamos (que dar ánimo sempre é importante) e nós habémolo agradecer.
¬Vindo a unha das visitas guiadas.
¬Enviando esta información á xente que penses lle pode interesar.
E non sendo socio? Igualiño. Porque o Patrimonio románico é de todos nós.

Rematará aquí a acción de O Sorriso de Daniel con respecto a Pardollán?
O compromiso da Asociación continuará. Este é o primeiro paso para acceder á igrexa e poder visitala con técnicos que orienten sobre cómo actuar e qué pasos dar.




Ponte en contacto con nós no correo osorrisodedaniel@gmail.com para recibir toda a información que precises. Contarémosche cómo chegar, onde durmir, qué outras cousas ver na zona se é que tes pensado estar por alí...

Contamos coa axuda de alguén?
Nesta actividade participará a asociación de veciños da parroquia de Pardollán "Santo Estevo" que nada máis saber das nosas intencións nos recibiron cos brazos abertos.
A nosa gratitude para eles.
DE-AMBULATORIO ROMÁNICO
quere ser
unha voz que alerta,
unha man que axuda,
un corazón que alenta.

quinta-feira, 7 de julho de 2011

Ante a desaparición do Códice Calixtino na Catedral de Santiago de Compostela...

DE-AMBULATORIO ROMÁNICO

A asociación O Sorriso de Daniel, creada en 2010 para promover a defensa e divulgación do Patrimonio Románico, quere amosar a súa profunda desolación ante a desaparición do Códice Calixtino do Arquivo da Catedral de Santiago.

Non parece necesario, por sabido, extenderse sobre o incalculable valor do códice, o que representa como obra cimeira do Patrimonio Universal custodiado en Galicia e o que significa esta xoia bibliográfica na historia de Compostela e de Galicia.

A súa desaparición converte o ano no que se celebran o 800 aniversario da Catedral de Santiago, nun auténtico Annus Horribilis para todos os galegos e galegas, no que  atinxe ao noso Patrimonio Material.

Agora é o momento de que dúas vías de traballo se abran, ao noso ver, e as dúas coa mesma intensidade e claridade nos obxectivos:

A primeira no ámbito da investigación policial coa soa ambición de recuperar o Códice e poñer a disposición xudicial aos responsables da súa desaparición.

A segunda no ámbito da xerencia do Patrimonio –eclesiástico e civil- no que se analicen moi polo miúdo cómo evitar estes actos que se producen con certa frecuencia aínda que case nunca afectan a pezas de un valor tan insólito e se poñan en práctica as medidas aprobadas.

Esta segunda vía de traballo, que debemos demandar de todas as institucións implicadas na salvagarda patrimonial, é quizais na que debemos incidir maiormente dado que o Patrimonio Galego é amplo e por veces atópase en situacións de pre-abandono que facilitan o expolio e a posterior entrada de pezas no mercado ilícito de arte.

Moitas igrexas románicas galegas viviron, e aínda están a vivir, ataques e roubos ante os que non debemos amosarnos indiferentes.

Por todo isto O Sorriso de Daniel quere poñer de manifesto o seu apoio a cantas medidas se adopten co fin de salvagardar o Patrimonio Galego.

Así mesmo queremos recordar que no mes de febreiro do presente ano entregamos aos Grupos Parlamentarios no Pazo do Hórreo unha carta na que demandabamos un Plan Galego para a Conservación e posta en valor do Patrimonio Románico. E faciamolo porque ao noso ver a Xestión do Patrimonio debe participar de catro elementos fundamentais:coñecemento, protección, conservación e divulgación.



Asdo.- A Xunta Directiva de O Sorriso de Daniel