domingo, 28 de novembro de 2010

Pola recuperación dos arredores do Mosteiro de Melón.







A asociación O Sorriso de Daniel pide a demolición da estructura do Polideportivo de Melón en Ourense

Un Tribunal de Ourense ven de inhabilitar por oito anos ao alcalde de Melón. Os actos que levaron a dictar esta sentencia remóntanse a hai máis dun lustro cando, en terreos afectados pola declaración de Ben de Interese Cultural do Mosteiro cisterciense de Melón, o concello ergueu un polideportivo. Segundo se recolle na sentencia a edificación carecía dos permisos preceptivos.

Máis alá das implicacións políticas que esta sentencia trae consigo en O Sorriso de Daniel quixeramos felicitarnos por un acto xudicial que a medio prazo agardamos que incida na desaparición da estructura deportiva que afecta ao fermoso edificio do Mosteiro de Melón.

Sobre o que resta deste mosteiro están execuntándose na actualidade unhas importantes obras de recuperación nas que o Ministerio de Fomento do Goberno de España e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia están a facer un importante investimento.

Sen dúbida de ningunha clase o edificio merece estas actuacións e merece tamén que se evite calquera agresión sobre el como a que veu supoñer a construción deste polideportivo.

O esforzo económico que as administracións están a facer deberia verse acompañado pola urxente demolición da estrutura do edificio que provocou a inhabilitación do actual alcalde. Nun concello como o de Melón onde a presión urbanística non parece ser un problema é sorprendente que se escollese xustamente ese emprazamento para erguer unha dependencia municipal destas características.

A construción do polideportivo, como así o manifestou no seu día a Consellería que dirixía Alberto Núñez Feijoo (PP) e máis tarde a dirixida por Ánxela Bugallo (BNG) contraviña todas as normas que se aplican nos perímetros dos bens que teñen a categoría de BIC e sen embargo os informes saídos desas dúas consellería foron desatendidos polo concello de Melón.

Ademais dos postos de traballo xerados polas obras en si mesmas que se están a executar agora non son despreciables as potencialidades que o edificio románico pode abrir a esta pequena vila se se xestiona pensando que funcione como o eixo vertebrador da oferta turístico-cultural do entorno.

Neste momento, no que o rural do interior de Galicia pelexa por seguir vivo, Melón ademais de un entorno natural privilexiado conta cun patrimonio artístico de singular importancia e a isto súmaselle o feito de atoparse no eixo da autovía que une Vigo con Madrid. Estratexicamente situado a medio camiño entre Ourense e Vigo o máis representativo de todos os edificios da vila parece que podería volver a revivir grazas a esta sentenza e ao investimento que na súa recuperación están a facer o Ministerio dirixido por José Blanco e a Consellería de Roberto Varela.

Ao fío desta sentencia O Sorriso de Daniel quixera facer especial mención do servizo público que prestaron os veciños de Melón que perseveraron na denuncia dos feitos e nos distintos funcionarios e administracións que formularon os expedientes que deron pé a esta sentencia.

Asemade a asociación O Sorriso de Daniel pide que se proceda á demolición da estructura do pavillón no menor tempo posible.

A súa destrución sería a proba definitiva de que a xustiza serve para subsanar os erros cometidos. O patrimonio que herdamos dos nosos devanceiros debe chegar ás mans dos nosos fillos e fillas.

O románico é para vivilo!



Ficha do proceso xudicial


Motivo da denuncia: construción de un polideportivo na zona de protección BIC do Mosteiro de Melón

7 de outubro de 2004: o alcalde asina a acta de planeamento da obra do polideportivo. Ubícase sobre suelo rústico e non conta co permiso da Consellería de Política Territorial (sendo conselleiro Núñez Feijoo) nin de Patrimonio (sendo conselleiro Jesús Pérez Varela). Non contaba coa parcela mínima e non tiña o debido retranqueo.

4 de maio de 2005: tras varios requerimentos desas consellerías e do Valedor do Pobo informa á Xunta de Galicia de que as obras están paralizadas.

Xullo de 2005: reinícianse as obras sen contar cos permisos necesarios de Patrimonio.

20 de xullo de 2005: Patrimonio decreta a paralización

10 de agosto de 2005: rematan as obras.

3 de agosto de 2006: A dirección xeral de urbanismo multa ao concello con 120.000€ polas actuacións.

Maio de 2008: O tribunal superior de Xustiza ordena a demolición do polideportivo.

Advertencias administrativas recibidas en relación a esta obra:
Informe en contra do Secretario do Concello
Advertencias da Dirección Xeral de Patrimonio.
Advertencias da Consellería de Política territorial.