quinta-feira, 30 de dezembro de 2010

O derrubamento do Pazo Bispal de Diomondi triste coroa para pechar o 2010.


Sección: DE-Ambulatorio Románico


Diomondi
“es uno de los más hermosos y completos ejemplares de nuestra arquitectura románica de la segunda mitad del siglo XII, en su tipo, acabado indudablemente en el mencionado año de 1170, interesante por muchos conceptos”.

Inventario de la riqueza monumental y artística de Galicia.

Ángel del Castillo 

Asunto:
Derrubamento do Pazo bispal de Diomondi (O Saviñao-Lugo)

Nesta última semana do ano 2010 ven de producirse un feito realmente triste para o Patrimonio Medieval galego: o derrubamento da fachada d´O Pazo Bispal de Diomondi (O Saviñao-Lugo). O edificio está anexo a unha das igrexas románicas máis importantes de Galicia e pegado a ela pola súa fachada norte.
De entre os que foron ideados para teren uso residencial o Pazo é un dos edificios máis antigos conservados na provincia. Fóra das igrexas románicas (das que Galicia ten por sorte unha gran riqueza) poucos edificios de época tan antiga chegaran aos nosos días e por desgracia agora temos que lamentar un feito realmente descorazonador. A que fora residencia de verán dos Bispos de Lugo viña acusando dende había tempo a necesidade dunha intervención destinada á súa conservación. En boa medida esta intervención, de se producir, chega xa tarde.

Por desgracia este acontecemento pon punto e final a un Annus Horribilis para o Patrimonio galego. A principios de novembro os medios de comunicación cifraban nun 82% o recorte que a Xunta de Galicia lle aplicaba á partida de protección do Patrimonio artístico.


Nun país que non destaca por ter feito grandes investimentos na conservación e posta en valor do seu Patrimonio verdadeiramente isto ven significar que na realidade se opta pola desaparición do mesmo.

Cando se fala de recuperación de Patrimonio Artístico O Sorriso de Daniel quere destacar que tamén se están falando de postos de traballo que se xeneran arredor destas actuacións. Estes postos de traballo en moitas ocasións vencéllanse ao sector da construcción que é un dos máis afectados pola crise. As empresas da construción especializadas no sector do Patrimonio Histórico veríanse beneficiadas por unha política máis comprometida coa salvagarda de todos estes edificios. Á súa vez isto orixinaría movemento turístico. Dous sectores económicos vense polo tanto directamente perxudicados  por este tratamento irresponsable.






Lamentablemente faltan cartos, e falta sensibilidade para destinar os que hai, a actuacións que agora se evidencian como urxentes.

Diomondi non se atopa nas rotas máis percorridas, nin no medio dunha cidade monumental, onde as olladas e as imaxes crean conciencia. Cando se vai conmemorar o remate da construción románica da Basílica compostelá, unha das igrexas de máis valía que ten Galicia comeza o ano 2011 máis ameazada que nunca. O derrube producido en Diomondi é unha chamada de atención ás nosas conciencias que debería alertarnos a todos e todas.

Agora conviría revisar as obras que no edificio se fixeron no 2003 e se foron realizadas correctamente, porque o que é obvio é que foron insuficientes. E conviría pechar o ano 2010 cunha decisión tomada: poñer todos os medios necesarios para consolidar o que queda do edificio e procurar que o derrubamento non lle afecte á igrexa de San Paio de Diomondi. Reiteramos que Diomondi é unha das igrexas de máis valía que ten Galicia.

Nunca é tarde para tomar conciencia e nunca é tarde para coidar o patrimonio que lles temos que deixar ás futuras xeracións.




Vocabulario imprescindible:

Deambulatorio: Corredor circular que, nalgunhas igrexas, rodea o altar maior por detrás.

DE-Ambulatorio Románico: Sección creada pola asociación O Sorriso de Daniel para reivindicar a conservación dos edificios do patrimonio medieval galego que se atopan en peor estado.


De-Ambulatorio Románico
quere ser
unha voz que alerta,
unha man que axuda,
un corazón que alenta.


5 comentários:

  1. Diomondi debe xuntarnos!
    O documento gráfico de La Voz de Galicia é desolador.

    http://www.lavozdegalicia.es/lemos/2010/12/31/0003_8939432.htm

    ResponderEliminar
  2. Pódense ver fotos no seguinte enlace:

    http://picasaweb.google.com/osorrisodedaniel/SanPaioDeDiomondiOSavinao#

    ResponderEliminar
  3. A prensa e algunhas páxinas web e blogs fanse eco das demandas:

    http://www.lavozdegalicia.es/lemos/2010/12/30/0003_8937928.htm

    http://www.lavozdegalicia.es/lemos/2010/12/31/0003_8939432.htm

    http://avoz.com/lugo/2011/01/04/0003_8944448.htm

    http://www.lavozdegalicia.es/lugo/2011/01/06/0003_8948802.htm

    http://www.lavozdegalicia.es/lemos/2011/01/08/0003_8952354.htm

    http://www.lavozdegalicia.es/lemos/2011/01/09/0003_8953983.htm

    http://www.lavozdegalicia.es/lemos/2011/01/09/0003_8953984.htm

    http://elprogreso.galiciae.com/nova/72307.html

    http://cdlcomunicadosgalicia.blogspot.com/2011/01/xunta-patricina-os-extraterrestres-pero.html

    http://www.terraetempo.com/artigo.php?artigo=1198&seccion=5

    http://carballopequeno.blogspot.com/2011/01/seguimos-perder-patrimonio.html

    http://www.xornal.com/artigo/2011/01/09/galicia/savinao-exige-actuar-xa-derrumbe-pazo-diomondi/2011010923325700586.html

    http://www.lavozdegalicia.es/lugo/2011/01/10/0003_8956019.htm

    ResponderEliminar
  4. ASOCIACION PARA A DEFENSA ECOLOXICA DE GALIZA
    ADEGA-ourense (delegación)
    www.adega.info
    protección do patrimonio historico PAZO DE DIAMONDI

    VALEDOR DO POBO
    Expediente P.3.Q/482/11
    Santiago de Compostela, 29 de abril de 2011

    Estimado Sr.:

    Como voste sabe, no seu día foi recibido o seu escrito de queixa, que quedou rexistrado nesta institución co número arriba indicado. Unha vez estudada a súa queixa, foi admitida ao entender que reunía os requisitos formais establecidos no artigo 18 da Lei 6/1984, do 5 de xuño, do Valedor do Pobo, e que atopaba, en principio, cobertura institucional derivada do artigo 103 da Constitución Española.

    Con data de 5 abril iniciamos as actuacións oportunas ante a Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, contra quen se dirixía a queixa. Con data de onte, 27 de abril, foi recibido o informe que, segundo establece o artigo 22 da dita lei tiñan que remitirnos. Nel sinálase literalmente o seguinte:

    "Segundo consta no informe emitido pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, de resposta ao expediente de referencia, infórmase o seguinte:

    A Consellería de Cultura e Turismo realizou durante o ano 2005 obras de restauración no devandito Pazo, en estado ruinoso, que consistiron na rehabilitación da cuberta e da súa estructura, precisamente coa intención de impedir o progresivo deterioro do monumento e posot que naquel momento existía dispoñibilidade económica para elo.

    A inversión foi de 142.132,84 Euros e realizouse a demolición de todo o material da cuberta previa, costruíuse unha nova estructura con madeira de castiñeiro e a cubrición con tella do país asentada sobre pranchas de cartón embreado.

    Porén a comenzos do ano 2011 e por efectos non derivados das augas de cubrerta, xa solucionadas, produciuse un derrubo. O edificio estaba en estado de abandono e non constan nel outras intervencións de mantemento.

    E obriga do propietario dos bens o deber de conservar (artigo 25 da Lei do Patrimonio Cultural de Galicia). É polo tanto a propia Catedral a responsable de garantir a conservacón dos bens. A Administración colabora, como indica a Lei e como se ven de indicar con inversión efectivas e asesoramento técnico a todos os niveis. Así, o Bispado de Lugo, propietario do ben, asumiu o custo da rehabilitación mási urxente da fachada está a traballar nun proxecto de futuro que contemple a incorporación de algún uso que permita, deste xeito, manter o edificio.

    Efectivamente, a Consellería de Cultura e Turismo e a súa Dirección Xeral do Patrimonio Cultural comparten o principio de que as intervencións preventivas e de mantemento non só garanten unha maior eficacia das inversións, senón que evitan males maiores, polo que se incide e priorizan sempre este tipo de actuacións. En todo caso, convén lembrar que as actuacións nas propiedades privadas son obriga dos seus propietarios e máis aínda nas cuestións relativas ao mantemento ordinario e cotiá das estructuras."

    Á vista do que se fai constar no informe, non se constata inactividade ou neglixencia da Administración en este punto, ata onde pode legalmente intervir ao non ser o propietario do Pazo e tratarse dun ben eclesiástico, suxeitos á unha específica normativa. Segundo sinala o informe, consta que o Bispado de Lugo está a traballar nun proxecto rehabilitardor. Por todo o cal procede acordar o arquivo da queixa, sen prexuízo de reabri-la á súa instancia si se deran novos datos ou circunstancias.

    Agradecéndolle a confianza que nos demostra, saúdao atentamente.
    O Valedor do Pobo
    asdo.:
    Benigno López González

    ResponderEliminar
  5. Queremos felicitar a Adega-Ourense -felicitar e agradecer- a súa iniciativa ante o Valedor do Pobo aínda que desta non servise de moito. Nós pola nosa parte como sabedes enviamos unha carta aos Parlamentarios Galegos que se recolle neste blog. PSdeG e BNG recolleron o noso sentir e levaron a proposta ao Debate do Estado da Autonomía. Pinga a pinga faremos desaparecer a indiferencia polo noso Patrimonio e medrar o sentido común.

    ResponderEliminar